20/09/2016

ENQUISA COMPROMISO 2016


Avaliacións:

A Dirección, disposta a falsear os resultados para agochar o problema.

Os problemas hai que afrontalos buscándolles solucións, porque falsear os resultados, pode permitir auto enganarse a curto prazo pero agrava os problemas a medio e longo prazo.

Os resultados das avaliacións “compromiso” son sempre os mesmos, e malia que a maior parte do persoal sospeita do anonimato das enquisas, en Galiza é sempre onde peor valorados son os mandos.

Este ano, a Dirección, preocupada polos resultados, decidiu tomar medidas: falsealos. Un grupo de “responsables” de Madrid estase a reunir cos apoderados/as para indicarlles como deben realizarse as avaliacións, co obxectivo de que os mandos que padecemos en Galiza non sexan, unha vez máis, os peor valorados da Entidade.

Agardamos que sexa un caso illado, que non haxa outros departamentos do banco que se dediquen a falsear resultados para agochar problemas, ou si? Ao fin, parece que o custe do fracaso da conta “1|2|3”, que seguen presentando coma un éxito, o asumiu o cadro de persoal (recortouse emprego a través dun ERE e recortáronse as condicións laborais a través da negociación colectiva).

Señores da Alta Dirección: unha e outra vez, e en cada unha das reunións, a CIG expuxo os problemas que padece o cadro de persoal. As avaliacións mostran tamén cal é a situación. Sentémonos a negociar e poñamos en marcha solucións, porque para vir a falsear resultados non fai falta que veñan, non son benvidos.

Outra consideración: non é que os galegos e galegas sexamos máis torpes e non entendamos as preguntas. Non, entendémolas perfectamente, igual que os compañeiros e as compañeiras do resto do Estado, pero facemos as valoracións que consideramos que temos que facer.
Galiza, 19 de setembro de 2016

19/04/2016

Período Consultas: O banco comunica os criterios de selección para os despedimentos.


Tal e como informamos no comunicado do pasado 8 de abril, na reunión de hoxe, día 18, o banco comunicou formalmente o inicio do período de consultas dun Expediente de Despedimentos Colectivo por causas “produtivas e organizativas”, facilitando a documentación que xustificaría 1.667 despedimentos e os criterios para a selección do persoal afectado. Inicia tamén un procedemento de mobilidade xeográfica colectiva. O expediente terá vixencia ata o 31/12/2016. 

A empresa non facilitou o listado nominal de persoas afectadas, malia que así o establece a lexislación, alegando que está afectado todo o cadro de persoal. Si que comunicou os criterios para seleccionar ao persoal que pode ser despedido: 

 a) Persoas afectadas polo peche de oficinas ou destinadas nas receptoras. 

b) Persoas destinadas en SSCC ou estruturas intermedias afectadas polos peches de oficinas. 

c) Persoas destinadas en departamentos de SSCC onde se produce o axuste. 

d) Menor valoración na avaliación do desempeño fronte a outras dentro do seu centro de traballo, unidade ou departamento. 

e) Menor polivalencia funcional para realizar tarefas noutras áreas ou actividades da entidade. Os criterios son altamente arbitrarios. Examinada a documentación os despedimentos a nivel galego serían 84. 

Nesta reunión a empresa non fixo ningún tipo de proposta, reducíndose a fixar un calendario de xuntanzas.
A nosa oposición ao ERE non é un mero postureo e ante a prepotencia da Dirección, o 27 de abril mobilizarémonos na Coruña. 

As vindeiras xuntas serán os días 20 e 22.
Seguiremos informando.

27/01/2016

As demandas da CIG esixindo un control horario alteran o guión preconcebido da negociación


Convenio Colectivo Banca

Comunicado 16


Na última reunión da mesa negociadora, onde xa hai un preacordo entre a AEB-CCOO-UGT para recortar dereitos, as demandas presentadas pola CIG en varias entidades para que se rexistre a xornada laboral efectiva e as horas extras, entraron na negociación.
AEB aposta por unha negociación para chegar a un acordo estatal paralelo ao convenio, con todos os sindicatos demandantes, incluíndo os que non están na mesa negociadora. Nesa nova negociación tamén estarían CCOO e UGT, malia que non presentaron demandas.
CCOO e UGT, que nada fixeron a este respecto na banca privada, malia ser un dos maiores problemas no sector, din agora que o acordo debería incluírse no convenio.
Nós estamos abertos a unha nova negociación sectorial, sempre que non se pretenda baleirar de contido os rexistros horarios para seguir defraudando. Ademais, deberíanse apurar os prazos, xa que despois das nosas demandas hai abertas negociacións nalgunhas empresas.
Por último dicir que, na mesa, os asinantes do acordo discreparon pola absorción da suba a conta de convenio, que deixou a unha parte substancial dos cadros de persoal sen cobrar. Hai quen asina preacordos sen saber o que asina.
Galiza, 25 de xaneiro de 2016